O Entroido de Viveiro pechou a edición de 2026 cun balance positivo de participación e actividade

O Concello agradece a implicación de comparsas, grupos e establecementos colaboradores e anima á veciñanza a traballar nas coplas e disfraces do Entroido 2027.

Viveiro, 19 de febreiro de 2025. O Concello de Viveiro fai un balance positivo do Entroido 2026, que se desenvolveu cunha elevada participación e cunha programación que combinou actos tradicionais e propostas pensadas para diferentes públicos. Tamén se incluíron actividades e xogos para os máis pequenos.

A pesar de que a climatoloxía foi desfavorable en varias xornadas, as celebracións puideron levarse a cabo. Deste xeito, o Entroido mantívose como un dos momentos máis destacados do ano no Concello. Foi unha festa vinculada ao bo humor e á sátira como sinais de identidade.

O Concello quere expresar o seu agradecemento a todas as persoas que participaron e fixeron posible o Entroido 2026: comparsas, grupos, carrozas e colectivos, tanto de Viveiro como doutros puntos da Mariña. Todos eles contribuíron a que a festa tamén tivese unha dimensión comarcal.

Do mesmo xeito, o Concello agradece a colaboración de establecementos e entidades que apoiaron a celebración, entre eles O Recuncho, Casa Chao e o Bar La Plaza, así como o labor do xurado que participou na valoración e entrega de premios. Tamén recoñece o traballo de Mon, presentador das Alpuxarradas, pola súa contribución ao desenvolvemento do acto.

O Concello quere facer un agradecemento especial á comitiva do Enterro da Sardiña que, dende primeira hora da mañá do mércores de fin de Entroido, percorre as rúas de Viveiro, se achega ata a Casa do Concello para a recepción oficial e mantén vivo o ambiente festivo durante toda a xornada. A súa presenza, xunto coas Lloronas, contribúe de maneira decisiva a despedir o Entroido 2026 e a acompañar o peche da programación, que culmina ese mesmo día pola noite co Enterro da Sardiña.

Así mesmo, o Concello recoñece o labor da Comisión de Festas e a súa colaboración coa organización da cea do luns de Entroido, un dos eventos máis destacados destas datas, e agradece tamén ao comercio local a súa participación nas cestas e agasallos entregados nesa xornada.

Por último, o Concello de Viveiro anima á veciñanza e aos colectivos a comezar a traballar xa no Entroido 2027, pensando en novas propostas, disfraces e coplas, coa vontade de seguir mellorando a programación e consolidando unha festa participativa e aberta.