A Xunta concede 320.000 euros ao Concello de Viveiro para a reforma da Praza de Abastos

A actuación ten un orzamento de 768.000,68 euros e o Concello buscará completar o financiamento cunha axuda de 200.000 euros solicitada ao GALP A Mariña-Ortegal, da que se está pendente, e da solicitude que se lle fixo á Vicepresidencia da Deputación o pasado venres polo valor que resta para completar a contía total.

Viveiro, 3 de marzo de 2026. O Concello de Viveiro vén de recibir a resolución favorable da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se concede unha subvención de 320.000 euros para a reforma da Praza de Abastos municipal. A achega enmárcase na convocatoria para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos.

Segundo a resolución, a axuda estrutúrase en dúas anualidades de 160.000 euros en 2026 e 160.000 euros en 2027, cunha intensidade de financiamento do 80% sobre un investimento subvencionable de 200.000 euros en cada exercicio.

A reforma da Praza de Abastos de Viveiro conta cun orzamento total estimado de 768.068,68 euros. Co obxectivo de completar o financiamento necesario para executar a actuación, o Concello está pendente tamén da resolución da solicitude presentada ao GALP A Mariña-Ortegal, por importe de 200.000 euros.

Ademais, o pasado venres o Concello solicitou á Vicepresidencia da Deputación de Lugo unha subvención económica para completar o custo total da intervención, dada a relevancia do proxecto e a imposibilidade de asumilo unicamente con fondos municipais.

No escrito remitido á Deputación, o Concello lembra que a Praza de Abastos de Viveiro data de 1925 e foi proxectada polo arquitecto Ricardo García Puig. É un dos edificios de abastos máis antigos de Galicia e un dos máis característicos pola súa tipoloxía de mercado de peixe. Situada no casco histórico da vila, constitúe unha das edificacións máis significativas de Viveiro, polo que a súa protección, promoción e impulso se consideran fundamentais.

O Concello de Viveiro sinala que esta resolución da Xunta supón un paso importante para avanzar nun proxecto prioritario, orientado á rehabilitación e dinamización dun espazo de alto valor arquitectónico, comercial e de identidade para o municipio.