Viveiro, 27 de febreiro de 2025. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destinou 700.300 euros á mellora das instalacións do CEIP de Celeiro e do CEIP Santa Rita, en Galdo.
No CEIP de Celeiro, os traballos estiveron orientados a optimizar o illamento e a eficiencia enerxética do edificio. As actuacións máis destacadas foron a substitución das carpinterías exteriores por outras con perfís de aluminio con rotura de ponte térmica, a renovación da cuberta das dúas galerías e a instalación de falso teito e luminarias tipo LED en varios espazos. Ademais, procedeuse á reforma completa dun cuarto de baño da planta baixa, adaptado para o uso de alumnado con necesidades específicas. O investimento total das melloras foi duns 301.600 euros.
No CEIP Santa Rita tamén se instalaron novas carpinterías exteriores. Ademais, realizouse unha reestruturación na zona de Infantil que permitiu incrementar a superficie das tres aulas deste nivel. Igualmente, renovouse a iluminación en varios espazos e substituíronse a totalidade das portas de paso. Así mesmo, cambiouse o falso teito da pérgola de acceso para solucionar os problemas de humidade existentes. O orzamento ascendeu a 398.700 euros.
Estas actuacións enmárcanse nas accións de mellora e mantemento da rede educativa, co obxectivo de reforzar a calidade das instalacións e avanzar en accesibilidade e eficiencia enerxética nos centros públicos do municipio.