López Campos aborda con Mariña Gueimunde as vantaxes da modificación da Lei de Patrimonio Cultural para axilizar trámites e reducir esperas

Na reunión, celebrada en Santiago, tamén se trataron cuestións vencelladas á mellora de infraestruturas culturais de Viveiro.

Viveiro, 12 de xaneiro de 2025. José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, mantuvo unha xuntanza con Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, na que abordaron a proposta de modificación da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia e o seu impacto para os concellos. O encontro serviu tamén para tratar outras cuestións vencelladas ao departamento, relevantes para o Concello de Viveiro, como a mellora de infraestruturas culturais.

No marco do debate xerado arredor desta reforma —cuestionada por algúns sectores como unha «perigosa» cesión de control do patrimonio—, José López Campos explicou que a Xunta de Galicia promove a modificación coa finalidade de adaptar o contido da norma á realidade actual, axilizar e desburocratizar procedementos e garantir unha protección máis eficaz e coherente dos bens patrimoniais.

Segundo trasladou, o cambio permitiría que os concellos poidan informar sobre determinadas cuestións sen que isto supoña, en ningún caso, rebaixar o nivel de protección do patrimonio cultural. A Xunta manterá o seu papel de acompañamento e continuará ofrecendo asesoramento e apoio ás administracións locais.

O conselleiro precisou, ademais, que nos concellos nos que non exista persoal técnico ou que, pola súa casuística, decidan non informar, poderá continuarse co procedemento como ata o de agora.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia é a única administración autonómica que, ata o momento, informa sobre bens con diferentes graos de protección en todo o territorio, o que supón tramitar cada ano na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural máis de 30.000 expedientes e afrontar prazos de espera aproximados de entre 6 e 12 meses.

Mariña Gueimunde valorou de maneira positiva o alcance da proposta e sinalou que «calquera mellora que permita reducir burocracia e tempos de resposta, sen perder garantías de protección, é unha boa noticia para a veciñanza e para os concellos». A alcaldesa engadiu que «Viveiro conta cun patrimonio relevante e é importante dispoñer de procedementos máis áxiles, con apoio técnico e coordinación institucional, para compatibilizar a conservación co desenvolvemento de proxectos e necesidades cotiás».