Mariña Gueimunde aborda coa Deputación o apoio a prioridades de mobilidade e servizos para Viveiro

A presidenta Carmela López reafirmou o compromiso da institución provincial coa Semana Santa e o Belén Xigante.
  • Quedou sobre a mesa a posibilidade de brindar axuda para o proxecto de dinamización da Praza de Abastos
  • Pechouse unha reunión con Efrén Castro, vicepresidente da Deputación, para o día 27 de febreiro

Viveiro, 14 de febreiro de 2025. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, mantivo unha reunión de traballo con Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo, na que se abordaron varios asuntos de interese municipal, tanto no ámbito de infraestruturas como en necesidades de mobilidade e servizos básicos.

No encontro, a alcaldesa trasladou a importancia de manter o apoio institucional á Semana Santa de Viveiro e ao Belén Xigante, dúas citas de referencia no calendario festivo local e da Mariña. Carmela López reafirmou o compromiso da institución provincial para seguir colaborando con estas iniciativas.

A reunión tamén serviu para avanzar noutras cuestións que serán analizadas pola Deputación. Entre elas, a posible colocación de redutores de velocidade en zonas como Viero e Galdo, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria. A alcaldesa de Viveiro expuxo a necesidade de actuar sobre varias vías do Concello.

Outro dos asuntos abordados foi a necesidade de actuar nas infraestruturas de abastecemento e saneamento de auga. Segundo se expuxo na reunión, a prioridade pasa por estudar unha reparación completa e integral que permita resolver o problema de forma definitiva e, deste xeito, non limitarse actuacións puntuais.

Ademais, o Concello puxo sobre a mesa a posibilidade de levar a cabo a construción de beirarrúas transitables no rural e nas parroquias, unha demanda orientada a mellorar a mobilidade e a seguridade da veciñanza, especialmente en tramos nos que a circulación peonil comparte espazo co tráfico rodado.

A Praza de Abastos

Durante a xuntanza, Mariña Gueimunde insistiu tamén na dinamización e rehabilitación da Praza de Abastos, un proxecto considerado prioritario polo Concello pola súa importancia para poñer en valor os produtos mariñeiros e de proximidade, así como polo valor arquitectónico do edificio. A alcaldesa trasladou que se trata dunha intervención de gran envergadura para a capacidade económica municipal e que, malia contar co apoio da Xunta de Galicia, resulta necesario que a Deputación se involucre para poder sacala adiante.

Mariña Gueimunde destacou que «a coordinación institucional é clave para dar resposta ás necesidades reais de Viveiro, tanto nas infraestruturas básicas como nos proxectos culturais e sociais» e agradeceu a disposición da Deputación para estudar as propostas trasladadas.

Cultura e Deporte

Por outra banda, o Concello de Viveiro tamén solicitou unha reunión con Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo, para expoñer proxectos deportivos e culturais. Este encontro quedou fixado para o vindeiro 27 de febreiro. A anterior xuntanza tivo lugar en novembro e nela puxéronse sobre a mesa necesidades como actuacións no teatro Pastor Díaz, abordar melloras nas instalacións municipais e brindar apoio ao Conservatorio de música.