O Belén xigante «Viveiro ante o Berce» inaugurarase o venres 5 de decembro en Santa María

A programación comezará co acendido de luces de Nadal ás seis e media na Praza Maior.

Viveiro, 3 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro inaugura este venres, 5 de decembro, o tradicional Belén xigante «Viveiro ante o Berce», un dos principais referentes do Nadal na Mariña. A programación dará comezo ás 18.30 horas co acendido das luces de Nadal na Praza Maior. A continuación, ás 19.00 horas, levarase a cabo a inauguración oficial do Belén no adro de Santa María. Para completar a xornada, arredor das 19.30 horas, ofrecerase unha chocolatada de novo na Praza Maior.

O Belén «Viveiro ante o Berce» caracterízase polas súas figuras a tamaño natural, que recrean escenas bíblicas como o Nacemento de Xesús, a Anunciación aos Pastores, a Anunciación á Virxe, a visita dos Reis Magos, a Matanza dos Inocentes ou a sala do trono de Herodes. Cada escena conta cun atril no que repousa un libro do Novo Testamento, aberto no capítulo e versículo correspondentes co gallo de facilitar unha lectura contextualizada do relato representado.

A mostra instálase no entorno da igrexa de Santa María e completarase cun amplo mercado ambientado na vida da época, no que se representan algúns oficios tradicionais. Entre eles, figuran ferreiros, canteiros, pastores, viticultores, carpinteiros de ribeira, vidreiros, tintureiros, panadeiros, mariñeiros, lavandeiras ou un secadoiro de bacallau. Xunto a estes elementos, destacan tamén as figuras dos Reis Magos de Oriente, a Sagrada Familia e Herodes. Cada ano, o Belén incorpora novas escenas e elementos decorativos, o que o ten consolidado como unha das propostas máis representativas do Nadal viveirense.

A alcaldesa Mariña Gueimunde salientou a importancia cultural e social deste Belén: «Viveiro ante o Berce é unha tradición que une xeracións e que representa o agarimo coa que a nosa cidade celebra o Nadal. É unha oportunidade para recuperar a memoria colectiva, para atraer visitantes e para compartir un espazo que simboliza convivencia, cultura e identidade».