O Concello de Viveiro activa a «Onda Inclusiva» cun noticiario accesible nas rúas do casco histórico

O colectivo Aspanane narrou un boletín informativo a través do fío musical das rúas para anunciar as actividades do fin de semana.

Viveiro, 4 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro puxo en marcha esta mañá a «Onda Inclusiva», unha iniciativa que se hoxe contou cun noticiario accesible no casco histórico. Persoas usuarias de Aspanane elaboraron e narraron un boletín informativo que se emitiu a través do sistema de megafonía cedido pola Asociación do Casco Histórico de Viveiro.

No noticiario anunciáronse as principais actividades culturais e de ocio previstas para esta fin de semana. O fío musical das rúas converteuse nun espazo de comunicación aberto, participativo e inclusivo. Esta actuación busca dar visibilidade ás persoas con discapacidade e favorecer a súa participación activa na vida comunitaria.

A alcaldesa Mariña Gueimunde sinalou que «este noticiario brindou a oportunidade de que as persoas de Aspanane contasen co seu propio espazo comunicativo e para que a cidade escoite novas voces. Queremos un Viveiro onde todas as persoas teñan presenza e onde a inclusión forme parte da vida os 365 días do ano».

A actividade forma parte da «Onda Inclusiva», un programa do Concello de Viveiro que se desenvolverá ao longo do ano con accións de carácter comunicativo, cultural e social. Entre elas atópase a exposición fotográfica «Tan coma ti», realizada en colaboración con Down Lugo e instalada na Biblioteca Municipal, que foi presentada onte.

O Concello de Viveiro continuará ampliando a Onda Inclusiva durante 2025 e 2026 con propostas que reforcen a participación, a accesibilidade e a visibilidade das distintas capacidades presentes na cidade.