Viveiro, 7 de novembro de 2025. O Concello de Viveiro celebrou o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. Nel abordáronse varios asuntos de xestión municipal. Na parte resolutiva, aprobáronse por unanimidade os catro primeiros puntos da orde do día: a acta da sesión anterior, varios expedientes de cambio de titularidade ou renovación de concesións no cemiterio municipal, unha corrección de erro nun título de concesión do cemiterio, e a modificación da ordenanza fiscal número 16, que regula a taxa por entrada de vehículos a través das beirarrúas, así como por reservas da vía pública para aparcamento exclusivo e carga e descarga de mercadorías para o ano 2026.
O punto relativo á modificación da ordenanza fiscal número 13, que regula a ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras e outros elementos análogos con finalidade lucrativa —a coñecida como ordenanza de terrazas—, quedou sobre a mesa para continuar traballando na súa redacción antes da súa aprobación definitiva.
Pola súa parte, o punto referido á modificación da ordenanza non fiscal reguladora dos servizos de abastecemento domiciliario de auga potable, sumidoiro, depuración de augas residuais e demais servizos e actividades complementarias, foi aprobado por maioría.
Na parte declarativa, o Pleno aprobou por unanimidade dúas mocións: unha para instar a Portos de Galicia a continuar as obras de mellora na fachada marítima de Celeiro, e outra para reclamar á Xunta de Galicia a consignación das partidas necesarias que permitan retomar a construción da Vía de Alta Capacidade Costa Norte.
A alcaldesa Mariña Gueimunde destacou o desenvolvemento ordinario da sesión e o consenso acadado «en asuntos de interese común para o municipio, tanto no eido dos servizos públicos como nas infraestruturas locais».