O Concello de Viveiro aproba un Orzamento 2026 de 15,1 millóns de euros

O equipo de Goberno cumpriu o compromiso de sacalo adiante en tempo e forma por primeira vez en moitos anos.
  • As contas dan prioridade ao funcionamento dos servizos públicos e á estabilidade económica do Concello

Viveiro, 30 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro aprobou no pleno extraordinario celebrado onte o Orzamento municipal para o exercicio 2026. O documento foi presentado en tempo e forma, tal e como se comprometerá a facelo o equipo de Goberno. Ten como obxectivo garantir a normalidade da vida municipal e o cumprimento das obrigas institucionais. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PP e Por Viveiro, e en contra do PSOE e do BNG.

Durante a elaboración das contas, o Goberno local mantivo unha actitude aberta ao diálogo e ao consenso, tanto cos diferentes grupos da Corporación como cos axentes sociais, culturais e deportivos do municipio. O proceso desenvolveuse nun contexto económico complexo, marcado por dous exercicios anteriores con peches deficitarios. Esta circunstancia condicionou de maneira significativa a configuración do Orzamento 2026.

Esta situación de partida limita a capacidade de manobra, aínda que se confía en que esta poida mellorarse no futuro. Especialmente coa próxima aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que permitirá abrir novas oportunidades de desenvolvemento económico e estabilidade financeira para Viveiro.

A alcaldesa Mariña Gueimunde salientou que o de 2026 «é o primeiro Orzamento aprobado en tempo e forma despois de moito tempo, tras anos de deixamento de partidos como o PSOE e o BNG, que o único que fixeron foi poñer trabas e levar ao Concello á bancarrota». Tamén destacou «a labor dos funcionarios municipais» no proceso para sacar adiante as contas. E avanzou que o equipo de Goberno traballará para que outras administracións se impliquen con Viveiro.

No ámbito político, nin o BNG nin o PSOE formularon achegas concretas ao proxecto orzamentario durante o proceso de diálogo previo mantido polo equipo de Goberno. O PSOE rexistrou posteriormente un documento de recomendacións, valorado como achegas de carácter xeral, que non supuxeron modificacións directas do orzamento.

Pola súa banda, co grupo Por Viveiro acadouse un acordo que permitiu incrementar as partidas nominativas e reservar 20.000 euros para o arranxo do paseo da fachada.

O Orzamento municipal de Viveiro para 2026 ascende a 15.117.747,46 euros. As principais partidas distribúense do seguinte xeito:

– Gastos de persoal: 7.105.085,60 €
– Gastos correntes en bens e servizos: 6.517.250,33 €
– Gastos financeiros: 60.680,00 €
– Transferencias correntes: 389.610,65 €
– Fondo de continxencia: 254.344,33 €
– Investimentos reais: 101.397,66 €
– Transferencias de capital: 97.283,04 €
– Activos financeiros: 35.000,00 €
– Amortización da débeda: 557.495,75 €

Desde o Goberno municipal defínese o Orzamento de 2026 como un documento realista e responsable, adaptado á realidade do Concello. Nel priorízanse o funcionamento dos servizos públicos, o cumprimento das obrigas económicas e a estabilidade institucional.

Está orientado a garantir a prestación de servizos, soster a actividade municipal e sentar as bases para unha mellora futura das contas públicas de Viveiro.