Viveiro, 21 de setembro de 2026. A Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Viveiro busca persoas voluntarias para colaborar no «Proxecto de reforzo educativo, lecer e tempo libre» durante o curso escolar 2026/2027.
Esta iniciativa está dirixida a menores en idade de escolarización obrigatoria que se atopan en situación de desvantaxe social. O seu obxectivo é ofrecerlles acompañamento nas materias básicas, reforzar os seus coñecementos e favorecer o desenvolvemento das súas competencias educativas, sociais e de relación.
A través deste proxecto, o Concello de Viveiro convida á veciñanza a compartir os seus coñecementos e dedicar parte do seu tempo a unha iniciativa que contribúe a mellorar as oportunidades educativas dos nenos e nenas participantes.
As persoas voluntarias colaborarán nas actividades de reforzo educativo, proporcionando apoio e motivación ao alumnado durante o seu proceso de aprendizaxe. Para participar, búscanse persoas con empatía, paciencia e compromiso.
A actividade desenvolverase os luns e mércores, entre as 16:00 e as 20:00 horas, no Centro de Servizos Sociais de Viveiro, situado na avenida de Cervantes, s/n. A colaboración será flexible e adaptarase á dispoñibilidade de cada persoa voluntaria.
Como participar
As persoas interesadas en colaborar poden poñerse en contacto coa Oficina Municipal de Voluntariado a través das seguintes vías:
- Teléfonos: 982 550 421 / 604 046 956, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas.
- Correo electrónico: [email protected]
- Formulario en liña: https://viveiro.gal/servizos-sociais/voluntariado
O Concello de Viveiro anima á veciñanza a sumarse a este proxecto e contribuír, a través do voluntariado, ao acompañamento educativo e social dos menores que máis o precisan.