Viveiro, 10 de febreiro de 2025. O Concello de Viveiro presentou á Deputación de Lugo, no marco do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2026, a solicitude de financiamento para a execución do Proxecto de reposición de pavimentos e servizos na zona de Covas.
O proxecto ten un custe total de 375.400,85 euros. Deste importe, o Concello solicita que a Deputación aporte 356.825,15 euros, mentres que os 18.575,70 euros restantes corresponderían á achega municipal.
As actuacións previstas en Covas inclúen a reposición de pavimento nas seguintes rúas e travesías: Travesía de Cantarrana, Travesía Pernas Peón, Rúa Vila de Ribadeo, Avenida de Vilalba, Rúa Vila de Mondoñedo, Rúa Cidade de Ortigueira, Rúa Otero Pedrayo, Rúa Celso Emilio Ferreiro, Rúa Pascual Veiga, Rúa Castelao, Rúa Alexandre Bóveda e Rúa Cantarrana.
O proxecto contempla tamén a reposición da rede de pluviais e da rede de saneamento na Travesía de Cantarrana e na Travesía Pernas Peón, así como a reposición da rede de abastecemento de auga nun tramo da Avenida de Vilalba.
Ademais, prevese a disposición de nova sinalización horizontal en todas as rúas nas que se actúa, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e a ordenación do tráfico.
Xunto a esta actuación, o Concello incluíu na solicitude do Plan Deputación 2026 unha axuda para administración electrónica por un importe total de 63.174,85 euros, dos que 43.174,85 euros serían con cargo á Deputación e o importe restante correspondería á achega municipal.
Por último, o Concello tamén incorporou a solicitude para o Servizo de Axuda no Fogar de libre concorrencia, cun custe de 300.000 euros, dos que 200.000 euros se solicitan á Deputación e 100.000 euros corresponden á achega municipal.
