Viveiro, 1 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro informa de que hoxe se inician as obras de mellora da eficiencia enerxética e da seguridade na piscina municipal, ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello por un importe de 48.324,48 euros.
Debido ao inicio destes traballos, os vasos pequenos da instalación permanecerán pechados desde hoxe e durante o tempo que duren as actuacións, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas usuarias e o correcto desenvolvemento da obra.
A intervención inclúe o saneado interior da zona do vaso pequeno, a reparación do falso teito na área dos vasos, o saneado da pintura interior e a mellora da cuberta para evitar filtracións derivadas do deterioro dos canalóns e das chapas.
A alcaldesa Mariña Gueimunde sinalou que esta actuación «permite avanzar na conservación e modernización das instalacións municipais, así como mellorar a seguridade das persoas usuarias e a eficiencia da piscina». Tamén agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia a través do convenio que fai posible estes traballos.