O Concello de Viveiro lembra a obriga de xestionar a biomasa antes do 31 de maio

A limpeza das franxas de protección e a retirada de especies prohibidas debe concluír antes desa data para previr incendios forestais.

Viveiro, 3 de marzo de 2026. O Concello de Viveiro lembra que as persoas responsables están obrigadas a xestionar a biomasa vexetal existente nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, así como a retirar as especies arbóreas prohibidas incluídas na normativa vixente. Esta obriga afecta á franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, así como á contorna de edificacións e vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques, instalacións industriais e construcións illadas situadas a menos de 400 metros do monte.

Entre as especies que deben ser retiradas figuran, a modo de exemplo, piñeiros, eucaliptos, acacias, mimosas, carqueixa, xestas, piornos, fentos, silvas e toxos; de acordo co establecido na Lei 3/2007, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.

O Concello subliña que a xestión da biomasa deberá estar concluída antes de rematar o mes de maio de cada ano. A partir desa data, ás persoas que incumpran esta obriga enviaráselles unha comunicación concedendo un prazo máximo de 15 días naturais para executala, ou de tres meses no caso das franxas laterais das vías de comunicación.

En caso de incumprimento, o bando advirte de que se poderá proceder á imposición de multas coercitivas reiteradas cada tres meses, á execución subsidiaria con repercusión dos custes, ao inicio do expediente sancionador correspondente e, nos casos máis graves, á imposición de sancións que poden chegar ata 1.000.000 de euros. Ademais, lémbrase que o incumprimento destas obrigas pode implicar tamén a expropiación forzosa por interese social nos termos previstos pola lei.