- A alcaldesa Mariña Gueimunde lamenta que o proxecto permanecese paralizado desde o 13 de novembro pola inacción do anterior equipo de Goberno, pese ao requirimento enviado por Augas de Galicia naquela data
Viveiro, 10 de maio de 2025. O Concello de Viveiro levará ao pleno do martes, entre outros asuntos, a expropiación forzosa das parcelas da área da Xunqueira con motivo dun proxecto construtivo de melloras estruturais para minimizar o risco de inundacións no río Fontecova.
Acerca do proxecto de expropiación das parcelas, o 8 de xullo do ano pasado subscribiuse un convenio de colaboración entre o Concello de Viveiro, Augas de Galicia e a Deputación Provincial para a redacción dun proxecto no que o Concello debería expropiar e ceder as parcelas dos terreos afectados. Sen embargo, as actuacións paralizáronse.
A alcaldesa Mariña Gueimunde explica que «cando cheguei a alcaldía, o 14 de marzo, recibimos un expediente de Augas de Galicia no que se nos lembraba que non se fixeran as expropiacións demandadas e que, desde o 13 de novembro, o Concello de Viveiro non fixera nada referente ao proxecto Melloras estruturais para a reducción do risco de inundación da ARPSI fluvial ES014-LU-170101 Río Fontecova. Viveiro (Lugo)».
O 13 de novembro, Augas de Galicia requirira ao Concello de Viveiro que remitise o certificado do pleno do Concello no que se adoitaran a conformidade co proxecto da obra e o compromiso de recibir as obras e asumir o seu mantemento e conservación; tamén, a certificación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos que o Concello poría a disposición de Augas de Galicia para a súa expropiación, e a certificación acreditativa do resultado do proceso de información pública e, no seu caso, do informe da contestación ás alegacións presentadas. Pero o anterior equipo de Goberno non enviou a documentación solicitada.
Mariña Gueimunde sinalou que «entendemos que, cando chegou esa reclamación do 13 de novembro, o proxecto quedou aparcado. O 14 de marzo, catro meses máis tarde, nós retomámolo». Despois, «dilatamos o pleno unha semana para poder chegar a acordos. Do contrario, corremos o risco de que as obras non se poidan executar en tempo en forma e, incluso, poderíamos perder a subvención, polo que quedaríamos sen fondos propios e da Xunta para acometer a obra», expuxo.
O acordo, que ten vixencia ata finais de 2026, conta cun orzamento de preto dun millón de euros e está cofinanciado con fondos da UE a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia NextGeneration. Entre 2024 e 2026, Augas de Galicia aportaría 600.000 euros, mentres que a Deputación e o Concello de Viveiro porían cadansúa partida de 193.348,73 euros.
A rexedora lamenta que «o Goberno do PSOE e o BNG deixase no caixón un proxecto tan importante como este, porque hai que lembrar que en 2018, cando se produciron as inundacións, faleceu unha persoa». «Nós temos que traballar e centrarnos no que é realmente importante para os veciños e veciñas de Viveiro, e non falar doutros temas que agora mesmo non son prioritarios», manifestou Mariña Gueimunde.