Viveiro, 26 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro optimizou a licitación dunha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE) tras un proceso de revisión e reformulación do contrato inicialmente previsto polo anterior goberno municipal. O resultado definitivo supón unha mellora substancial das condicións económicas, un incremento do investimento e unha optimización dos recursos públicos a longo prazo.
Segundo os datos finais, o gasto anual actual do Concello en materia enerxética ascende a 1.549.730,47 euros. Tras a licitación da ESE, o gasto anual reducirase a 1.253.534 euros, o que supón un aforro anual de 296.196 euros. Proxectado aos 15 anos de duración do contrato, este aforro alcanza os 4.442.920 euros.
A este importe súmanse as investimentos directos que realizará a ESE, cifradas en 4.534.628 euros, así como outras actuacións financiadas coa baixa do contrato, estimada en arredor de 1.100.000 euros. Esa inversión destinarase como Plan P6 a investimentos e ao mantemento do alumeado de Nadal e das festas ao longo dos 15 anos de vixencia do contrato.
Deste xeito, o aforro total estimado para o Concello de Viveiro coa posta en marcha da ESE ascende a 8.229.610 euros en quince anos.
Ademais, o novo modelo supón unha mellora significativa respecto ao proxecto que se prevía licitar anteriormente, cun aforro superior aos dous millóns de euros ao longo do contrato e un incremento do investimento directo de 1.250.000 euros. Se se suma a parte correspondente da baixa do contrato, o investimento adicional acada os 2,3 millóns de euros.
Entre as actuacións previstas inclúense proxectos singulares no Casco Histórico e no Paseo Marítimo, a mellora do alumeado nos pasos de peóns, a substitución de semáforos, a instalación de grupos electróxenos de gran capacidade na Casa do Concello e no Auditorio de Celeiro, a solución a un problema histórico de custo e seguridade relacionado cos denominados tantos alzados e a renovación da iluminación e das caldeiras nos campos de fútbol.
Cabe resaltar que este resultado é froito dunha avaliación exhaustiva do contrato inicialmente deseñado, no que se detectaron aspectos claramente mellorables. Desde o inicio do proceso, o obxectivo foi optimizar os recursos económicos e reforzar a transparencia, motivo polo que se modificaron os pregos e se mantiveron contactos con varias empresas do sector para obter a mellor opción posible.
Coas condicións actuais, o importe inicialmente previsto foi reducido en máis da metade, acadándose un modelo máis eficiente, sostible e vantaxoso para as arcas municipais e para o conxunto da cidadanía.