Viveiro, 22 de febreiro de 2025. O Concello de Viveiro solicita ás asociacións, clubes deportivos, comisións de festas e demais entidades do municipio que trasladen ao Concello nas vindeiras semanas a relación de actividades e eventos que teñen previsto organizar ao longo do ano. Tamén solicitan que se comuniquen as necesidades que, para a súa celebración, prevén solicitar á administración local.
Esas necesidades inclúen, entre outras, o uso de espazos municipais, a reserva de instalacións, o préstamo de material, a coordinación de loxística e servizos, ou calquera outra colaboración que dependa do Concello de Viveiro.
O obxectivo desta recollida de información é poder coñecer con tempo suficiente o calendario de eventos previstos e facilitar unha planificación máis eficiente. Deste xeito, preténdese evitar a coincidencia de varias actividades nas mesmas datas e mellorar a xestión dos recursos municipais dispoñibles para garantir unha mellor coordinación e unha resposta máis áxil ás solicitudes.
O Concello agradece de antemán a colaboración das entidades e anima a que comuniquen a súa programación anual tan pronto como lles sexa posible para contribuír a unha organización máis ordenada e eficaz da axenda cultural, deportiva e festiva do municipio.