Viveiro, 5 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro porá en marcha o 22 de decembro o programa «Ocio por Nadal 2025», dirixido a nenos e nenas que cursen Educación Primaria neste curso. O obxectivo da iniciativa é ofrecer unha alternativa de lecer saudable, fomentar a convivencia e apoiar a conciliación das familias durante o período non lectivo. As actividades terán lugar entre os días 22 e 26 de decembro, en horario de 10.00 a 13.30 horas, no pavillón Antonio Tarrío. O programa ofrece un total de 60 prazas para participantes con capacidade de integración e autonomía suficiente para realizar as actividades previstas.
O prazo para presentar solicitudes estará aberto do 9 ao 12 de decembro. Se non se completan as prazas dispoñibles, o prazo permanecerá aberto ata esgotarse. As solicitudes deberán ser presentadas por un proxenitor ou titor legal, por vía electrónica, no Rexistro Xeral do Concello ou polos demais medios oficiais establecidos.
Os impresos de solicitude poden recollerse en conserxería do Concello ou na oficina da OMIX, e tamén estarán dispoñibles para descarga na páxina web municipal. Será necesario achegar a documentación indicada nas bases, incluíndo DNI da persoa proxenitora ou titora e tarxeta sanitaria do menor.
No caso de existir máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo público, tras o cal se publicará a listaxe definitiva de admitidos e a lista de agarda nos espazos municipais habituais.
A alcaldesa Mariña Gueimunde explicou que «este programa permite ofrecer un recurso de calidade ás familias durante as vacacións, ao tempo que promove valores de convivencia, participación e hábitos saudables entre a nosa infancia».