Rematan as obras de mellora do saneamento en Celeiro, no entorno de Catro Camiños

A actuación, cun investimento de 39.994,17 euros financiado integramente por Augas de Galicia, permitiu anular un colector en mal estado e instalar unha nova condución pola calzada e a beirarrúa.

Viveiro, 19 de febreiro de 2026. As obras de mellora do saneamento en Celeiro, na zona de Catro Camiños, veñen de rematar. A actuación responde á necesidade de resolver as deficiencias dun colector de saneamento en uso que cruzaba varias parcelas e que presentaba un estado de funcionamento moi deficiente.

Co obxectivo de corrixir esta situación, proxectouse a anulación do colector existente e a instalación dun novo colector pola calzada e pola beirarrúa, co que se garantiu unha infraestrutura máis accesible para o mantemento e máis adecuada para o servizo.

O importe total da actuación foi de 39.994,17 euros. A execución das obras foi posible grazas ao convenio asinado entre o Concello de Viveiro e Augas de Galicia, no que a entidade autonómica asumiu o custe íntegro dos traballos.

Os traballos realizados incluíron a demolición do firme existente na beirarrúa e na calzada, a escavación con medios mecánicos, a instalación de novas canalizacións de PVC de 315 e 200 milímetros de diámetro, a construción de pozos de rexistro e arquetas, a execución de acometidas de saneamento, así como a reposición final do firme e das beirarrúas.

O Concello destaca que esta intervención permite mellorar o funcionamento da rede de saneamento e resolver unha situación que xeraba problemas recorrentes, reforzando a calidade do servizo na zona de Celeiro.