- O prazo de presentación dos traballos pechará o 30 de xuño.
Viveiro, 21 de febreiro de 2025. O Concello de Viveiro ven de convocar a oitava edición do Premio de Novela Vilar Ponte, un certame literario que pretende darlle pulo á narrativa en lingua galega. O concurso establece dous galardóns: un primeiro premio dotado con 4.000 euros e un segundo premio de 1.000 euros.
No Premios de Novela Vilar Ponte poderán participar persoas maiores de idade que presenten novelas orixinais e inéditas, escritas en galego e que non fosen premiadas noutros certames. A temática e a extensión son libres. Cada autor ou autora poderá presentar unha única obra.
As novelas deberán presentarse por cuadriplicado, mecanografadas a dobre espazo en follas DIN A4, e asinadas cun lema ou pseudónimo. Xunto aos exemplares que se presenten, incluirase un sobre pechado no que figure no exterior o mesmo lema ou pseudónimo e, no interior, os datos persoais e de contacto do autor ou autora, unha breve nota biográfica e unha declaración de aceptación das bases.
Os orixinais deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello de Viveiro, na Praza Maior s/n, 27850 Viveiro, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou por calquera dos medios previstos na normativa vixente. O prazo de presentación remata o 30 de xuño.
O xurado estará composto por persoas de recoñecida competencia no ámbito da literatura e da crítica. O fallo farase público no mes de outubro. Ademais, o premio poderá declararse deserto e a decisión do xurado será inapelable.
As obras presentadas e que non resulten premiadas serán destruídas. As que sexan premiadas quedarán en poder do Concello de Viveiro. A autoría e os dereitos das obras premiadas pertencen aos autores, que deberán facer constar que gañaron o premio en futuras edicións, publicacións ou difusións.