Viveiro e Portos de Galicia asinan un convenio para ordenar o tráfico na rúa do Porto de Celeiro

O acordo regula a colaboración na vixilancia e control do estacionamento no dominio público portuario e terá unha vixencia de 15 anos.

Viveiro, 16 de febreiro de 2025. O Concello de Viveiro e Portos de Galicia asinaron un convenio de colaboración para a vixilancia e ordenación do tráfico na rúa do Porto, no ámbito do dominio público portuario do Porto de Celeiro. O acordo enmárcase na necesidade de mellorar a convivencia entre a circulación de vehículos, o estacionamento e a actividade diaria nunha zona de especial intensidade de uso.

O convenio establece que o Concello poderá exercer, a través da Policía Local e respectando as competencias de Portos de Galicia, funcións de control, ordenación e coordinación do tráfico terrestre e do aparcamento na zona portuaria obxecto do acordo. Inclúese a facultade sancionadora en materia de tráfico e circulación viaria nos viarios abertos á circulación xeral e o servizo municipal de retirada de vehículos, cando proceda. Estas actuacións desenvolveranse durante todo o ano e as 24 horas do día mentres o convenio estea vixente.

O documento recolle tamén a creación dunha comisión mixta de seguimento e control, que se constituirá no prazo de quince días desde a sinatura co obxectivo de impulsar e avaliar o cumprimento do convenio e propoñer solucións ante posibles controversias na súa aplicación.

En canto á duración, o acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa sinatura e estenderase por un período de 15 anos que poderá prorrogarse por acordo expreso das partes. O convenio fixa, ademais, as causas de extinción e o réxime de publicidade e transparencia aplicable.