Viveiro será escenario da presentación dun libro sobre José Barro, pioneiro da automoción

O acto terá lugar o sábado 24 de xaneiro ás 12.00 horas na Casa do Concello.

Viveiro, 16 de xaneiro de 2025. O Concello de Viveiro será escenario o sábado 24 de xaneiro, ás 12.00 horas, da presentación do libro «Fábrica de Chavín». Trátase dunha obra de Manuel Lage dedicada a José Barro, empresario galego que foi pioneiro nos inicios da industria da automoción no século XX. A súa traxectoria resulta clave para comprender os primeiros pasos do sector en Galicia e a súa conexión con outros focos industriais.

O acto contará coa presencia de Manuel Lage, que compartirá as claves da obra e ofrecerá unha introdución sobre a vida e o traballo de José Barro, así como do contexto histórico no que desenvolveu a súa actividade. Ao remate da presentación, o autor asinará exemplares.

Manuel Lage Marcos é doutor en Enxeñaría Industrial e de motores. Conta cunha longa traxectoria profesional en postos de responsabilidade no sector da automoción, con experiencia en empresas como Chrysler España, Pegaso e Iveco, así como noutras compañías do Reino Unido e Italia. Ademais, é profesor no centro de investigación do automóbil INSIA (Madrid) e autor de libros de investigación sobre a historia do automóbil e de marcas como Pegaso, Barreiros ou Hispano Suiza, entre outras.