-
Esta proba é determinante para acadar o pase aos campionatos galegos de Pontevedra e Ourense.
Viveiro, 23 de marzo de 2026. O Pavillón Polideportivo Municipal de Viveiro acolleu este domingo, 22 de marzo, a I Fase da Liga Provincial de Lugo de Ximnasia Rítmica nas categorías Escolar, Promoción e Prebase. O evento, que resultou un éxito organizativo e de público, reuniu a preto de 800 ximnastas pertencentes a 12 clubs de toda a xeografía lucense.
Esta competición é clave no calendario deportivo, xa que os resultados obtidos nesta xornada, determinarán os conxuntos que se clasificarán para as citas autonómicas: o Campionato Galego Escolar en Pontevedra e os de Promoción e Prebase en Ourense.
O Goberno local e o club Ximnasia Viveiro destacan que atraer estes eventos permite dar visibilidade á rítmica e fomentar os valores do deporte base entre a mocidade.
A xornada transcorreu nun ambiente de gran deportividade, onde as ximnastas demostraron o seu traballo e esforzo. O Concello de Viveiro quere agradecer a implicación de todas as entidades colaboradoras e o esforzo das familias e deportistas que se desprazaron ata a vila, contribuíndo a dinamizar a actividade deportiva e económica do municipio durante a fin de semana.