Viveiro, 27 de marzo de 2026. O Concello de Viveiro informa de que foron abertos seis expedientes sancionadores por abandono de aparellos e lixo na vía pública, unha práctica incívica que segue a rexistrarse en varios puntos do municipio e que nas últimas horas volveu deixar novas imaxes de residuos depositados no medio do casco histórico.
Desde o Goberno local insístese en que deixar mobles, colchóns, electrodomésticos ou outro tipo de residuos na rúa, fóra dos sistemas habilitados, está prohibido pola ordenanza municipal e pode dar lugar á imposición de sancións. Neste sentido, o Concello subliña que cada vez que se detecta unha vertedura deste tipo se inicia un proceso de investigación para tratar de identificar ao responsábel e proceder á tramitación da correspondente multa.
A administración local lembra que Viveiro dispón dun servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio, que pode solicitarse a través do teléfono 697 162 637, así como do Punto Limpo municipal para o depósito deste tipo de materiais. O obxectivo é facilitar unha xestión axeitada dos residuos e evitar comportamentos que deterioran a imaxe da vila, xeran molestias á veciñanza e supoñen un custo engadido para os servizos municipais.
O Goberno municipal reitera o seu chamamento á responsabilidade cidadá, xa que manter limpos os espazos públicos é unha tarefa compartida que require da colaboración de todos e todas, así como do cumprimento das normas establecidas para preservar unha vila ordenada, coidada e respectuosa co conxunto da veciñanza.