Viveiro, 27 de marzo de 2026. O Concello de Viveiro e a Xunta de Cofradías da Semana Santa asinaron un convenio de colaboración para a concesión dunha subvención nominativa por importe de 25.000 euros destinada a sufragar os gastos da asociación e a colaborar na organización da Semana Santa de Viveiro.
Con esta achega, o Goberno de Mariña Gueimunde reafirma o compromiso cunha das celebracións máis emblemáticas de Viveiro e cunha tradición que forma parte da identidade, da historia e da proxección exterior do municipio. A Semana Santa de Viveiro, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, constitúe unha cita de grande relevancia relixiosa, cultural, social e tamén turística para a vila e a provincia.
O convenio asinado hoxe permitirá contribuír ao funcionamento da Xunta de Cofradías e ao desenvolvemento do programa ADRAL, a programación cultural promovida pola entidade con motivo da Semana Santa. O Concello quere, deste xeito, seguir apoiando o labor que o colectivo desenvolve ao longo de todo o ano para preservar e fortalecer esta celebración.
Desde o Goberno local ponse en valor o esforzo da Xunta de Cofradías, das confrarías e irmandades e de todas as persoas que fan posible que a Semana Santa de Viveiro siga medrando e consolidando o seu prestixio como unha das grandes citas do calendario viveirense.