O Instituto Galego de Estatística realizará a Enquisa Estrutural a Fogares en Viveiro

O traballo de campo realizarase entre o 20 de abril e o 17 de maio.

Viveiro, 8 de abril de 2026. O Instituto Galego de Estatística realizará nas vindeiras semanas en Viveiro a Enquisa Estrutural a Fogares, unha investigación oficial dirixida a coñecer mellor as condicións de vida das familias galegas. A enquisa recollerá información relacionada con aspectos como o nivel de estudos, os ingresos, os gastos do fogar e outras cuestións vinculadas á realidade social e económica das familias. As vivendas seleccionadas para participar recibirán unha carta do Instituto Galego de Estatística na que se explicará o obxectivo da enquisa e as distintas formas de responder.

As visitas para realizar esta enquisa desenvolveranse entre o 20 de abril e o 17 de maio e serán efectuadas por persoal enquisador debidamente acreditado. O Instituto Galego de Estatística lembra, ademais, que toda a información recollida será estritamente confidencial e estará protexida polo segredo estatístico.

Para resolver calquera dúbida, os interesados poden contactar directamente co Instituto Galego de Estatística no teléfono gratuíto 900 102 104, de 9.00 a 14.00 horas. Tamén poden dirixirse á responsable da actividade, María Esther López Vizcaíno, no teléfono 981 541 390.