Comezan as obras de renovación de servizos e pavimentos na Avenida de Santiago, en Covas

A actuación, con cargo ao Plan Deputación 2025, permitirá mellorar o saneamento, o abastecemento e o firme dun tramo de 320 metros do barrio do Coello.

Viveiro, 13 de abril de 2026. O Concello de Viveiro informa do inicio das obras de reposición de pavimentos e servizos na Avenida de Santiago, en Covas. Trátase dunha actuación financiada con cargo ao Plan Deputación 2025 que suporá unha mellora importante para esta zona da parroquia.

A intervención permitirá renovar as redes de saneamento e abastecemento e acometer posteriormente a reposición do firme en superficie. O proxecto abrangue un tramo de 320 metros. O orzamento base de licitación ascende a 189.261,61 euros.

Trátase dunha obra necesaria e moi relevante para o barrio, chamada a marcar un antes e un despois nunha zona que presenta dificultades tanto polo volume de tránsito como polas características do viario. Ademais, o comezo dos traballos é o resultado dunha tramitación previa xa realizada e do correspondente proceso de contratación e licitación.

Xa se procedeu á sinalización da zona e o Concello de Viveiro lembra que as obras se prolongarán durante varios meses, polo que pide comprensión á veciñanza polas molestias que poidan producirse durante a execución dos traballos.

Desde o Goberno municipal apélase á colaboración e á paciencia das veciñas e veciños durante o desenvolvemento da obra, coa confianza en que o resultado final redundará nun beneficio claro para o conxunto da contorna e contribuirá a que se segan mellorando os servizos e os espazos públicos do concello.