A Feira das Maulas celebrarase en Galdo o 10 de maio

A cita incluirá probas hípicas, carreira de burros, premios especiais de gandería, sesión vermú, tardeo e un partido de fútbol feminino.

Viveiro, 15 de abril de 2026. Galdo celebrará o vindeiro 10 de maio unha nova edición da Feira das Maulas, unha das citas máis singulares do calendario local, que propón un ambiente festivo, tradición e actividade arredor do mundo gandeiro e ecuestre. Ao longo de toda a xornada, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha programación pensada para combinar participación, lecer e posta en valor dun evento con fonda pegada no municipio.

A feira abrirá ás 9.00 horas e, desde as 10.00 ata as 13.00 horas, permanecerá aberto o prazo de inscrición para as competicións no circuíto das carreiras, ademais de realizarse a medición dos cabalos na pista. A animación musical comezará ás 12.00 horas coa actuación dos Gaiteiros de Bagoas da Terra, mentres que a sesión vermú estará amenizada polo dúo Belinda a partir das 14.00 horas.

A partir das 16.30 horas, comezarán as competicións, un dos grandes atractivos da xornada, e ás 17.00 horas disputarase un partido de fútbol feminino no campo Trasvías de Galdo. A entrega de premios terá lugar ao remate das probas e a festa continuará con tardeo e música de novo da man do dúo Belinda.

A programación inclúe probas de andadura libre nas modalidades de serrada, chapeada e galope, así como categoría sub-16, carreira de burros e premios especiais de gandería ao maior número de cabezas de vacún e de equino. A organización repartirá premios económicos e trofeos nas distintas modalidades, reforzando o atractivo dunha feira que une espectáculo, participación e tradición.

Os interesados en reservar curros poderán facelo a través de WhatsApp no teléfono 698 161 653.