Viveiro, 17 de abril de 2026. O Concello de Viveiro valora de maneira positiva a apertura do concurso público para a venda e o dereito de superficie de parcelas nos polígonos industriais de Xestur no municipio, unha convocatoria que supón un novo paso para fortalecer o solo empresarial dispoñible e abrir novas oportunidades para a implantación de empresas en Viveiro.
A convocatoria, aberta desde hoxe, inclúe seis parcelas de uso industrial e comercial situadas nos polígonos industriais de Viveiro, o que amplía as posibilidades para a chegada de novos proxectos empresariais e para o crecemento da actividade económica local.
En concreto, saen a concurso as parcelas Viveiro I.6, de 2.863,22 metros cadrados; Viveiro I.7, de 2.634,11; Viveiro II.5, de 2.158,89; Viveiro III.19, de 11.545,06; Viveiro IV.3, de 4.162,40; e Viveiro IV.5, de 2.450,29 metros cadrados. Trátase de parcelas de uso industrial-comercial con prezos base que poden beneficiarse de bonificacións de ata o 50%, o que reforza o atractivo desta convocatoria para persoas emprendedoras e empresas interesadas en instalarse no municipio.
Os importes sen bonificación sitúanse entre os 161.916,75 e os 808.154,20 euros, segundo a parcela, mentres que os prezos con bonificación máxima quedan entre os 80.958,38 e os 404.077,10 euros. No caso das parcelas dos polígonos Viveiro I, II e IV, o prezo por metro cadrado con bonificación máxima sitúase en 37,50 euros, mentres que na parcela Viveiro III.19 queda fixado en 35 euros.
Desde o Goberno local sublíñase que dispoñer de chan industrial en condicións competitivas é fundamental para favorecer a chegada de investimento, consolidar actividade económica e crear oportunidades de emprego.