Concello de Viveiro

Deportes

Mariña Gueimunde destaca a proxección da CAMOVI para Viveiro

A alcaldesa pon en valor o traballo da organización, do voluntariado e das institucións para facer posible unha cita deportiva que proxecta a imaxe da vila dentro e fóra de Galicia.

Viveiro, 20 de abril de 2026. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, agradeceu o éxito da última edición da CAMOVI, celebrada o fin de semana, e puxo en valor a importancia dunha proba que, un ano máis, contribuíu a proxectar a imaxe da vila a través do deporte.

Mariña Gueimunde subliñou que «a CAMOVI é un éxito de todos», en referencia ao traballo colectivo que hai detrás da proba desde os seus inicios. A rexedora lembrou de maneira especial a todas as persoas que foron sementando esta iniciativa ao longo do tempo e destacou tamén o papel fundamental da xente que colabora coa organización e do voluntariado.

A alcaldesa quixo expresar o agradecemento do Goberno local «a todas as persoas que participaron, a todas as que colaboraron e, por suposto, tamén a quen conseguiu os mellores resultados», ao tempo que trasladou os parabéns aos gañadores. Ademais, manifestou o desexo de volver recibir aos participantes en Viveiro na edición do ano que vén.

Para Mariña Gueimunde, a CAMOVI constitúe moito máis ca unha proba deportiva, xa que representa «unha proxección internacional para Viveiro». Trátase dunha carreira que atrae arredor de mil corredores e corredoras que non só se achegan á vila para competir, senón tamén para coñecer e gozar coa gastronomía, o comercio, da hostalería e a natureza.

Neste sentido, a alcaldesa incidiu en que o Concello de Viveiro mantén unha aposta decidida por este tipo de iniciativas que contribúen a reforzar a imaxe da vila e a dinamizar a actividade económica e social. «Do mesmo xeito que Viveiro proxecta a súa identidade a través da cultura, como sucede coa Semana Santa, tamén o fai a través do deporte con citas como a CAMOVI», sinalou.

A rexedora quixo agradecer tamén o apoio institucional que fai posible o crecemento desta proba. Destacou o esforzo económico e organizativo do Concello, así como a colaboración da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia. Neste último caso, puxo en valor especialmente a difusión acadada este ano a través do programa de streaming que permitiu levar a imaxe de Viveiro a calquera punto do mundo.