Concello de Viveiro

Festas

Viveiro abre o prazo de inscrición para a XLII Feira de Artesanía 2026

O Concello de Viveiro abre ata o 16 de maio o prazo para participar na XLII Feira de Artesanía, que se celebrará do 7 ao 16 de agosto nos Xardíns Noriega Varela.

O Concello de Viveiro vén de facer públicas as bases de participación da XLII Feira de Artesanía de Viveiro, unha cita xa consolidada no calendario estival que se celebrará entre o 7 e o 16 de agosto de 2026 nos Xardíns Noriega Varela.

A inauguración terá lugar o venres 7 de agosto ás 17:30 horas, mentres que a clausura será o domingo 16 ás 22:00 horas. Durante eses días, o público poderá visitar os diferentes stands en horario de mañá (de 11:00 a 14:30 horas) e de tarde (de 17:30 a 22:00 horas).

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de maio de 2026, debendo remitirse toda a documentación ao correo electrónico [email protected], indicando no asunto “Solicitude feira 2026”. Entre os requisitos, destacan a acreditación como artesán, a presentación dun dossier do proceso produtivo e imaxes dos produtos, así como o cumprimento das condicións establecidas pola organización.

A feira contará con dous formatos de participación: o stand tradicional e o stand efémero, este último pensado para dar cabida a propostas innovadoras e rotatorias ao longo dos días do evento. A selección dos participantes comunicarase o 20 de maio, atendendo a criterios como a calidade, a orixinalidade, a sustentabilidade dos produtos e a diversidade de disciplinas artesanais.

Como en edicións anteriores, manterase a aposta pola dinamización do evento mediante actividades en directo e talleres demostrativos, que contribúen a enriquecer a experiencia do público e a potenciar as vendas dos expositores.

Ademais, concederanse dous premios económicos: un de 200 euros á mellor presentación de stand e outro de 100 euros á mellor peza, valorando aspectos como a innovación, a creatividade ou o carácter sostible.

Desde a organización, integrada polo Concello de Viveiro e a Asociación PROA, anímase a todos os profesionais do sector a participar nesta feira, que continúa a medrar ano tras ano co obxectivo de consolidarse como un referente a nivel nacional.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico [email protected]

Bases Feira de Artesania Viveiro 2026

Solicitude stand tradicional

Solicitude stand efémero