Concello de Viveiro

Cultura

A curtametraxe realizada no obradoiro de cinema con Manolo Gómez estrearase o sábado 25

A proxección terá lugar ás 19.30 horas e amosará o trabalo realizado polos maiores que participaron no curso.

Viveiro, 21 de abril de 2026. O Teatro Pastor Díaz será escenario este sábado, ás 19.30 horas, da estrea da curtametraxe realizada polas persoas maiores que participaron no obradoiro de cinema impartido por Manolo Gómez. A iniciativa permitiu achegar o audiovisual á veciñanza desde unha perspectiva participativa, creativa e interxeracional.

A proxección servirá para dar a coñecer o resultado final dun traballo desenvolvido no marco do obradoiro, no que os participantes tiveron a oportunidade de achegarse ao proceso de creación cinematográfica, coñecer ferramentas do ámbito audiovisual e implicarse activamente na elaboración da peza.

A entrada será gratuíta ata completar o aforo, pero os interesados deberán reservar a localidade ou ben no número de teléfono 982 560 162 ou ben no propio teatro. A retirada das prazas deberá realizarse polo menos quince minutos antes da proxección.

A estrea deste sábado suporá tamén unha oportunidade para compartir co público o talento, a ilusión e a implicación das persoas que formaron parte desta experiencia, así como o traballo realizado da man de Manolo Gómez ao longo do obradoiro.