Concello de Viveiro

Cultura

Convocado o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026

A Biblioteca Pública de Lugo convoca unha nova edición do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026, unha iniciativa dirixida a fomentar a creatividade e o uso da lingua galega entre a poboación máis nova.

O certame estrutúrase en dúas modalidades: narración e debuxo, ambas baixo o tema común “Medrar lendo”. A proposta busca que as nenas e nenos reflexionen sobre a importancia da lectura ao longo da vida, invitándoos a expresar, a través da escrita ou da ilustración, aqueles momentos nos que os libros tiveron un papel significativo no seu desenvolvemento persoal.

Na modalidade de narración, os traballos deberán estar escritos en galego e ter unha extensión máxima dun folio por unha soa cara. No caso do debuxo, este deberá realizarse en papel ou cartolina tamaño DIN A4.

Establécense tres categorías por idade:

  • Categoría A: ata 8 anos
  • Categoría B: de 9 a 11 anos
  • Categoría C: de 12 a 16 anos

Cada participante poderá presentar tantos traballos como desexe. No caso das narracións manuscritas, deberán estar escritas a bolígrafo. Todos os traballos deberán ir acompañados dunha folla cos datos persoais do autor ou autora.

O prazo de presentación remata o vindeiro 11 de maio, e as obras deberán entregarse na Biblioteca Municipal.

Un xurado especializado seleccionará, por cada modalidade e categoría, un máximo de tres traballos. As obras premiadas nesta fase local pasarán á fase provincial, organizada pola Biblioteca Pública de Lugo co patrocinio da Xunta de Galicia.

Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da biblioteca, que se reserva o dereito de publicación. A participación neste certame implica a aceptación íntegra das bases.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Biblioteca Municipal.

CONVOCATORIA PROVINCIAL LETRAS GALEGAS_CAS

CONVOCATORIA PROVINCIAL LETRAS GALEGAS_GAL