Viveiro, 20 de maio de 2026. O Concello de Viveiro informa da tramitación, por parte de Portos de Galicia, dunha actuación destinada a mellorar a accesibilidade ao aparcadoiro do porto deportivo do municipio, coa execución dun acceso peonil e dunha rampla para persoas con mobilidade reducida.
O aparcadoiro conta na actualidade cun único acceso para vehículos e peóns no extremo sur. Co fin de facilitar a entrada e saída das persoas que empregan este espazo, proponse habilitar un novo acceso peonil na parte central do aparcadoiro, fronte ao semáforo do viario principal, así como executar unha rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida na entrada sur. Estas necesidades responden a unha petición reiterada do Concello de Viveiro e dos usuarios do porto deportivo. Con esta medida, darase acceso aos usuarios do centro de saúde, que se atopa fronte ao aparcadoiro.
A actuación inclúe a adaptación do peche metálico existente para permitir o novo acceso peonil, a execución dunha escaleira de fábrica na zona central do aparcadoiro, con varandas de seguridade de aceiro inoxidable 316L e a correspondente sinalización horizontal e vertical, así como a construción dunha rampla de formigón na entrada sur, tamén con varanda de aceiro inoxidable 316L e sinalización específica.
O valor estimado do contrato ascende a 6.665,84 euros, sen IVE, e o prazo de execución previsto é de 3 meses. A adxudicación realizarase mediante un sistema cun só criterio, no que se terá en conta unicamente o prezo ofertado.
Desde o Concello de Viveiro valórase positivamente esta actuación, ao considerar que suporá unha mellora práctica na accesibilidade e na funcionalidade dun espazo moi utilizado, reforzando ademais as condicións de uso para as persoas con mobilidade reducida.