- Permitirá actuar sobre os accesos de Pénjamo e As Nogueiras.
Viveiro, 19 de maio de 2026. O Concello de Viveiro informa de que xa está publicada na Plataforma de Contratación do Estado a licitación da obra «Acondicionamento e mellora dos viais de acceso ao miradoiro do Monte San Roque», unha actuación que permitirá seguir mellorando un dos espazos turísticos máis emblemáticos e visitados do municipio. O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 8 de xuño. O valor estimado da actuación ascende a 100.802,44 euros máis IVE.
A obra será posible grazas ao convenio asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Viveiro. Supón un novo paso na mellora das infraestruturas vinculadas a un espazo de grande proxección para a vila. A intervención afectará aos accesos situados na contorna de Pénjamo e As Nogueiras, dúas vías municipais que comunican coa área recreativa e o miradoiro do Monte San Roque.
O proxecto subliña que o Monte San Roque é un dos lugares de maior interese turístico de Viveiro e que a maioría das persoas que visitan por primeira vez a cidade soben ata este enclave, situado a 353 metros de altitude e con vistas sobre a ría e o casco histórico. A actuación busca facer máis seguros, utilizables e accesibles estes accesos, tanto para peóns como para vehículos, ao tempo que contribúe a potenciar a economía local e un turismo sostible e desestacionalizado.
A alcaldesa Mariña Gueimunde pon en valor a importancia desta licitación e sinala que «se trata dunha actuación moi necesaria para Viveiro, porque permite mellorar os accesos a un dos nosos lugares máis representativos e máis visitados». A rexedora engadiu que «o Monte San Roque é unha referencia para veciñanza e visitantes, e seguir investindo na súa accesibilidade, na súa seguridade e na súa funcionalidade tamén supón reforzar a imaxe e o potencial turístico do municipio».
Na actualidade, as vías presentan un deterioro progresivo con fochancas, erosión do firme, vexetación descontrolada, raíces de árbores, deficiencias na sinalización e carencia de sistemas axeitados de evacuación de augas pluviais. Nun dos accesos desde a LU-102, a presenza de árbores de gran porte nas dúas marxes reduce de forma crítica o espazo dispoñible e impide o paso simultáneo de dous vehículos en sentido contrario, o que xera problemas de circulación e dificulta o tránsito de vehículos de emerxencia.
As actuacións previstas inclúen a mellora da superestrutura das vías, a substitución da rede de saneamento, a instalación dunha nova rede de pluviais, a reposición da rede de abastecemento, a renovación do firme, a adecuación de zonas peonís, a mellora da sinalización e a plantación de árbores como medida compensatoria pola retirada dos exemplares que dificultan a seguridade viaria. O proxecto abrangue dúas vías municipais, a Pista das Nogueiras e a Pista Pénjamo-Pista Santo Alvites-Cemiterio de Viveiro, cunha lonxitude de actuación de 310 e 40 metros, respectivamente.
Mariña Gueimunde destaca tamén que «esta actuación é importante non só polo que supón en termos de seguridade e mobilidade, senón tamén porque contribúe a poñer en valor un espazo clave para Viveiro desde o punto de vista paisaxístico, recreativo e turístico».
