Concello de Viveiro

Medio Ambiente

Mariña Gueimunde recolle a bandeira azul que volverá ondear na praia de Area

O distintivo confirma a presenza do areal viveirense na relación oficial de praias recoñecidas na convocatoria 2026-2027.

Viveiro, 11 de xuño de 2026. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, recolleu a bandeira azul que volverá lucir na praia de Area, despois de que este areal figure na relación oficial de praias distinguidas na convocatoria 2026-2027. A praia de Area renovou o recoñecemento á calidade ambiental, aos servizos e á xestión do litoral, dentro dunha convocatoria na que Galicia contará con 118 praias con bandeira azul en 38 concellos, dez máis ca en 2025. Na provincia de Lugo son 17 os areais distinguidos, repartidos en oito concellos, e entre eles figura a praia viveirense.

A convocatoria incorporou como novidade que as bandeiras azuis para praias e portos deportivos terán validez para o período 2026-2027. En todo caso, o mantemento do distintivo seguirá condicionado ao cumprimento dos criterios de concesión durante ese período, con seguimento anual e os correspondentes procesos de verificación ao longo de 2027.

Os criterios que ten en conta Adeac para outorgar a bandeira azul están relacionados coa calidade excelente das augas, así como coa seguridade, a accesibilidade, a dotación de servizos, a xestión ambiental e a sustentabilidade.

Mariña Gueimunde valorou de maneira positiva a renovación deste distintivo e sinalou que «é unha boa noticia para Viveiro e para a praia de Area, porque supón un recoñecemento ao valor dun espazo moi importante para a veciñanza e tamén para a proxección do noso litoral». A rexedora engadiu que «manter este distintivo significa seguir cumprindo uns estándares esixentes e reforza a importancia de continuar traballando no coidado, na conservación e na calidade dos nosos espazos costeiros».