Concello de Viveiro

Urbanismo

Corte do paseo fluvial entre Portochao e o embarcadoiro por obras de mellora

A actuación está a ser executada polo Servizo Provincial de Costas e responde a unha xestión realizada polo goberno municipal para conseguir o arranxo do tramo de pasarela de madeira.

Viveiro, 15 de xuño de 2026. O paso do paseo fluvial, no tramo comprendido entre Portochao e o embarcadoiro, no Concello de Viveiro, permanece pechado con motivo das obras de reparación e mellora que está a executar o Servizo Provincial de Costas. Trátase dunha actuación orientada a arranxar este tramo do paseo de madeira, que presentaba deficiencias e precisaba unha intervención para mellorar o seu estado e as condicións de uso.

Esta obra é froito das xestións realizadas polo goberno municipal ante Costas para conseguir que se actuase nesa zona e, deste xeito, dar resposta á necesidade de acondicionar un percorrido moi utilizado pola veciñanza e polas persoas que visitan Viveiro.

O Concello pide comprensión polas molestias que poida ocasionar este corte temporal e lembra a importancia de respectar a sinalización e as limitacións de paso mentres duren os traballos, co fin de garantir a seguridade e facilitar o correcto desenvolvemento da actuación.