Viveiro, 19 de xuño de 2026. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, recibiu na Casa do Concello aos participantes da travesía «El Camino a Vela», que fixo escala na cidade no seu percorrido marítimo cara a Santiago de Compostela. Na recepción, deu a benvida á tripulación desta iniciativa, coñecida tamén como «Navega el Camino», que propón unha forma diferente de realizar o Camiño de Santiago a través da navegación a vela e da conexión entre os portos do litoral cantábrico e galego.
Mariña Gueimunde mostroulles aos visitantes a Casa do Concello antes de que o grupo visitase os claustros de San Francisco. Alí, conducidos por un guía, comprobaron a importancia que a Semana Santa ten en Viveiro, así como a imaxinería coa que conta o municipio.
Como remate da xornada, Casa Chao ofreceu no seu establecemento unha degustación para os visitantes. O Concello de Viveiro agradeceu a Jose Luís Couceiro e Francisco Chao pola colaboración prestada á iniciativa.
Un ano máis, Viveiro forma parte das escalas desta travesía, que combina navegación, turismo, patrimonio e coñecemento do territorio. A chegada da tripulación permite, asemade, proxectar o municipio como destino vinculado ao mar e á tradición xacobea, ademais de ofrecer aos participantes a oportunidade de coñecer a vila.