Viveiro, 20 de xuño de 2026. O Concello de Viveiro mantén activo o servizo gratuíto de control da poboación urbana de gaivota patiamarela e pomba común durante a campaña de nidificación de 2026, iniciada no mes de abril e prevista ata agosto. Ata o momento, atendéronse 63 avisos cidadáns e realizáronse 76 intervencións en cubertas de edificios, nas que se retiraron 72 niños e 185 ovos.
O servizo ten como finalidade previr o crecemento excesivo destas poboacións no ámbito urbano e reducir as incidencias que poden provocar, como ruídos, malos cheiros, danos nas cubertas ou problemas de salubridade. No caso das gaivotas, o traballo céntrase especialmente en evitar que os tellados se consoliden como zonas de cría.
A campaña inclúe un estudo inicial da presenza e distribución destas aves no casco urbano, así como a revisión dos inmobles afectados. Desde maio estase a desenvolver a retirada de niños de gaivota e está previsto que o control das cubertas con incidencias se prolongue ata agosto. En cada edificio afectado realizaranse, como mínimo, dúas visitas, separadas aproximadamente por un mes, co obxectivo de impedir o nacemento das postas detectadas.
As intervencións son realizadas por persoal técnico, que revisa de xeito visual as cubertas e procede, cando corresponde, á retirada dos niños e do seu contido. O servizo inclúe tamén actuacións orientadas á redución da presenza de pombas.
O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza, tanto das persoas afectadas como de quen detecte problemas relacionados coa presenza destas aves en tellados ou outras zonas urbanas. As persoas interesadas en solicitar unha intervención poden contactar coa empresa concesionaria Larus Control no teléfono 689 838 359.