Concello de Viveiro

Cultura

Viveiro prepárase para unha nova edición do Resurrection Fest do 1 ao 4 de xullo

O festival volverá xerar actividade económica, emprego e proxección para Viveiro e A Mariña.

Viveiro, 29 de xuño de 2026. O Resurrection Fest celebrará unha nova edición entre os días 1 e 4 de xullo en Viveiro. Reunirá arredor de cen bandas en catro escenarios e ten unha previsión de asistencia próxima ás 140.000 persoas. O festival volverá a converter a vila nun punto de encontro para público procedente de varios países.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, participou esta mañá na presentación oficial da cita xunto aos responsables da organización e representantes das institucións colaboradoras. O acto serviu para iniciar a conta atrás dun festival que sitúa Viveiro no calendario internacional da música rock, metal, punk e hardcore.

Durante a presentación púxose en valor a actividade económica e os postos de traballo que o Resurrection Fest xera no municipio e no conxunto da Mariña. A celebración do festival ten unha incidencia directa na hostalería, no comercio, no aloxamento, nos transportes e nos servizos, ademais de supoñer unha oportunidade laboral para moitas persoas nos días previos, durante o festival e na súa desmontaxe.

Mariña Gueimunde destacou a importancia da cita para a comarca: «O Resurrection Fest é unha iniciativa de enorme relevancia para Viveiro e para toda A Mariña. Ademais da súa proxección exterior, deixa actividade económica, crea emprego e implica a moitas persoas e negocios do noso territorio».

Gueimunde puxo tamén en valor a colaboración entre a organización, as administracións e os servizos municipais para preparar unha edición que recibirá milleiros de asistentes. «O Concello seguirá traballando para que Viveiro estea preparado e para compatibilizar o desenvolvemento do festival coa atención á veciñanza», explicou.