Concello de Viveiro

Deputación

A Deputación aproba o convenio para financiar a reforma da Praza de Abastos de Viveiro

O investimento total do proxecto será de 768.068,68, dos que a institución provincial achegará 248.068,68.

Viveiro, 3 de xullo de 2026. A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo aprobou hoxe o convenio co Concello de Viveiro para cooperar no financiamento da reforma do Mercado de Abastos, unha actuación cun investimento total de 768.068,68 euros nos anos 2026 e 2027.

O acordo coa Deputación de Lugo contempla unha achega de 248.068,68 euros, correspondente á anualidade de 2027. Pola súa banda, o Concello de Viveiro asumirá unha achega de 520.000 euros, dos que 212.078,68 euros corresponden a 2026 e 307.921,32 euros á anualidade de 2027.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, valorou a aprobación deste convenio como «un paso importante para avanzar na reforma do Mercado de Abastos, unha infraestrutura municipal que precisa dunha intervención para mellorar as súas condicións e os servizos que presta».

O convenio establece o marco de cooperación entre ambas administracións para executar esta actuación e prevé que o Concello se encargue das tramitacións, dos proxectos técnicos, da dirección das obras e das autorizacións necesarias.

O prazo de execución previsto no convenio abrangue ata o 30 de setembro de 2028. Desde o Concello de Viveiro destácase a importancia de contar con apoios institucionais como os acadados coa Xunta, que aportará 320.000 euros; o GALP A Mariña-Ortegal e a Deputación Provincial e para impulsar un proxecto que permitirá actuar nun espazo de titularidade municipal.