Viveiro, 4 de agosto de 2026. O Concello de Viveiro dá a benvida á XLVI Mostra Folklórica Internacional, unha das citas culturais máis emblemáticas do municipio, que arranca mañá e converterá a cidade, ata o vindeiro 9 de agosto, nun escenario de encontro entre culturas a través da música, a danza e as tradicións populares.
Organizada pola Asociación Cultural Bágoas da Terra, a Mostra reunirá nesta edición agrupacións procedentes de Armenia, Filipinas, Perú, Guinea-Bissau e España (Galicia, Asturias, Castela a Mancha e Andalucía), ademais do propio grupo anfitrión. A Mostra forma parte da rede internacional de festivais do CIOFF, organismo asociado á Unesco, e combina tradición e diversidade cultural a través da música, o baile e o traxe tradicional.
Ao longo de cinco días desenvolverase un amplo programa de actividades pensado para todos os públicos. Entre os momentos máis destacados figuran a Mostra Infantil, que terá lugar o xoves 6 de agosto na Praza Maior; o Desfile das Nacións, o sábado 8 polas rúas de Viveiro, un dos actos máis representativos do festival; e a Gran Gala Internacional, prevista para o domingo 9 na Praza Maior, que reunirá sobre o escenario a todas as agrupacións participantes.
Ademais das actuacións principais, a programación inclúe concertos, audicións musicais, exposicións e diferentes actividades que permitirán á veciñanza e aos visitantes achegarse á riqueza do folclore tradicional de distintos países, convertendo Viveiro nun espazo de convivencia e intercambio cultural.
Desde o Concello de Viveiro anímase á cidadanía e ás persoas que visitan o municipio durante estes días a participar nesta cita internacional, que continúa consolidándose como un dos grandes referentes culturais do verán galego e como un escaparate da diversidade, a tradición e a amizade entre pobos.
