Viveiro, 7 de agosto de 2026. O Concello de Viveiro informa de que o vindeiro luns procederá ao reparto gratuíto das gafas homologadas para a observación segura da eclipse solar total do 12 de agosto, facilitadas pola Deputación de Lugo dentro da campaña provincial de información e prevención con motivo deste fenómeno astronómico.
As persoas interesadas poderán recoller as gafas na Casa do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ata esgotar existencias.
Co obxectivo de favorecer que o maior número posible de persoas poidan acceder a este material de protección, entregarase un máximo de dúas gafas por persoa.
O Concello lembra que observar unha eclipse solar sen a protección adecuada pode provocar graves lesións oculares, polo que recomenda empregar unicamente gafas homologadas para este fin.
Esta iniciativa enmárcase na campaña impulsada pola Deputación de Lugo, que distribúe entre os concellos da provincia 35.000 gafas homologadas e 45.000 dípticos informativos, co propósito de que a cidadanía poida desfrutar deste acontecemento excepcional con todas as garantías de seguridade.
Actualización: as gafas homologadas xa se esgotaron. Neste momento non quedan unidades dispoñibles para o seu reparto na Casa do Concello.