Concello de Viveiro

Cultura

O goberno de Viveiro impulsará unha comisión cultural para estudar «Catro Vellos Mariñeiros» como posible himno oficial do Concello

Analizaranse os aspectos históricos, culturais, patrimoniais e legais da proposta e recollerá a opinión do autor e das entidades culturais e sociais.

Viveiro, 12 de agosto de 2026. O Goberno municipal de Viveiro impulsará a creación dunha comisión cultural para estudar e valorar a posibilidade de que «Catro Vellos Mariñeiros» se converta no himno oficial do Concello. A iniciativa parte da vinculación da composición coa identidade mariñeira, a historia e a memoria colectiva de Viveiro, así como da presenza durante décadas en celebracións, actos populares e outros momentos relevantes para o municipio.

A creación da comisión supón o inicio dun proceso de análise e diálogo, sen que exista polo momento unha decisión adoptada sobre a elección do himno. O órgano estudará os aspectos históricos, culturais, patrimoniais e legais relacionados coa proposta e recollerá a opinión do fillo e a familia do autor, así como das asociacións e entidades culturais e sociais de Viveiro. O obxectivo é que calquera decisión conte co maior consenso posible e sexa resultado dun proceso participativo.

Unha vez completado este traballo e analizadas as achegas recibidas, a comisión formulará as conclusións e poderá, se o considera oportuno, elevar a proposta ao Pleno da Corporación municipal, ao que correspondería adoptar a decisión. «Queremos abrir un proceso de reflexión e escoita, sen anticipar ningún resultado, porque unha decisión destas características debe contar coa participación das persoas e entidades vinculadas á cultura e á historia de Viveiro», sinala Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro.

«Catro Vellos Mariñeiros» foi composta polo escritor, xornalista e músico viveirense José Travieso Quelle (Viveiro, 1917-Santiago de Compostela, 2005). Creada na década de 1940 e inspirada na vida e no traballo dos mariñeiros da súa vila natal, a canción foi adquirindo co paso do tempo presenza na cultura popular e na memoria de varias xeracións de viveirenses.

O Goberno municipal considera que a eventual elección dun himno oficial debe estar vinculada á historia, aos valores e ao sentimento de pertenza da veciñanza. A comisión permitirá analizar se «Catro Vellos Mariñeiros» reúne as condicións para representar oficialmente ao municipio antes de que, de ser o caso, a cuestión sexa sometida á consideración do Pleno.