Viveiro, 16 de setembro de 2026. O Teatro Pastor Díaz acollerá durante os meses de outubro, novembro e decembro unha programación cultural con propostas de teatro, circo, música, humor e maxia. A axenda inclúe espectáculos para público adulto, infantil e familiar, con compañías e artistas galegos como Carlos Blanco, Teatro ó Cubo, Pistacatro, Contraproducións ou Ártika Teatro.
A concelleira de Cultura, Saray Ventura, destaca a variedade da programación e a presenza de propostas dirixidas a diferentes públicos: “Quixemos preparar unha programación variada, con propostas para todos os públicos e diferentes disciplinas artísticas. O Teatro Pastor Díaz ofrecerá durante estes tres meses teatro, música, circo, humor e maxia, con espectáculos para desfrutar en familia e tamén para o público adulto. Animamos a veciñas e veciños a achegarse durante os próximos meses”
O mes de outubro contará cunha proposta cada sábado.
O 3 de outubro, ás 18:00 horas, Teatro ó Cubo abrirá o mes con Voo, unha proposta de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar.
O 10 de outubro, ás 20:30 horas, será a quenda de Carlos Blanco, que presentará A penúltima. O humorista e narrador ofrecerá 70 minutos de historias novas e vellas, co humor como protagonista.
O 17 de outubro, ás 18:00 horas, Pistacatro levará ao escenario Sen Patrón, un espectáculo de novo circo que combina malabares, equilibrios e humor, recomendado para públicos de 6 a 99 anos.
A literatura galega estará presente o 24 de outubro, ás 20:30 horas, con Memorias dun neno labrego, de Contraproducións. A obra de Xosé Neira Vilas chega ao teatro nunha adaptación dirixida por Cándido Pazó.
O mes rematará o 31 de outubro, ás 18:00 horas, coa proposta de Samaín Quen dixo medo?, de Barafunda. O espectáculo, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, combina xogos, música, baile e espíritos de Samaín.
En novembro os protagonistas serán o teatro, a música e un musical familiar
O 7 de novembro, ás 18:00 horas, Ártika Teatro presentará O libro da selva. O musical. O clásico de Rudyard Kipling chega ao Pastor Díaz nunha proposta familiar integramente en galego, con música en directo.
O 14 de novembro, ás 20:30 horas, Ibuprofeno Teatro representará Bio construción, unha peza contemporánea para público adulto que aborda, desde o surrealismo e o absurdo, cuestións como o fracaso, a crise climática, o sistema inmobiliario, o amor e o propio teatro.
A música será a protagonista o 21 de novembro, coa celebración de Santa Icía. A Banda de Música O Landro ofrecerá Os soños na gaiola en dúas sesións, ás 18:30 e ás 20:30 horas.
En decembro, e para rematar o ano: teatro, concerto de Nadal e un espectáculo de maxia
A programación comezará o 12 de decembro, ás 20:30 horas, con Profetas, de Ítaca Teatro. A obra, dirixida ao público adulto, aborda o reencontro dunha antiga parella e cuestións relacionadas co amor, a creación e os límites entre realidade e ficción. O texto de Ernesto Is recibiu o 16º Premio Abrente de textos teatrais da MIT de Ribadavia.
O 22 de decembro, ás 20:30 horas, a Banda de Música O Landro regresará ao Pastor Díaz co Concerto de Nadal ao Estilo Vienés.
A programación remata o 28 de decembro, ás 18:00 horas, con Magic Mateo Show, un espectáculo familiar que combina maxia, humor e participación do público.
Entradas e reservas
As entradas poden reservarse de luns a xoves, de 9:00 a 14:00 horas, no teléfono 982 560 162 ou no correo [email protected].
Tamén estarán dispoñibles na taquilla do Teatro Pastor Díaz desde unha hora antes de cada función.
