Concello de Viveiro

ConcelloUrbanismo

O Concello de Viveiro analiza o requirimento de integridade documental recibido sobre o PXOM

Os técnicos municipais e o equipo redactor estudan xa o documento remitido pola Dirección Xeral de Urbanismo e a próxima semana informarase aos grupos municipais.

Viveiro, 16 de setembro de 2026. O Concello de Viveiro recibiu da Dirección Xeral de Urbanismo un requirimento de integridade documental no marco da tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

O documento está a ser analizado polos técnicos municipais e polo equipo redactor do Plan, que están a revisar as cuestións formuladas e a documentación á que fai referencia para determinar as actuacións necesarias.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, explica que “acabamos de recibir o documento e nestes momentos os técnicos están estudando o seu contido. Queremos darlles o tempo necesario para facer unha valoración rigorosa e determinar con exactitude as actuacións que debemos realizar”.

O Concello agardará a contar con esta valoración técnica antes de concretar os seguintes pasos e dar resposta ao requirimento.

Unha vez realizada esta primeira análise técnica, a alcaldesa convocará a próxima semana a Comisión do Plan Xeral, co obxectivo de trasladar aos grupos municipais o contido do requirimento e, especialmente, a valoración realizada polos técnicos.

“Queremos que os grupos coñezan a situación con toda a información sobre a mesa. Por iso consideramos que o responsable é agardar á valoración dos técnicos antes de facer interpretacións ou sacar conclusións”, sinala Gueimunde.

O Concello de Viveiro continuará traballando para completar os trámites necesarios e seguir avanzando no procedemento do novo Plan Xeral.