Concello de Viveiro

Urbanismo

O Concello de Viveiro adianta traballos e remite a documentación segundo as indicacións do requirimento da Xunta para continuar coa tramitación do PXOM

O Goberno municipal reitera o seu compromiso co rigor técnico e a axilidade administrativa para acurtar ao máximo os prazos.

Viveiro, 25 de setembro de 2026. O Concello de Viveiro continúa avanzando na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e adianta os traballos necesarios para dar resposta ao requirimento formulado pola Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia.

Inmediatamente despois de finalizar a comisión de voceiros celebrada hoxe na Sala de Xuntas do Concello de Viveiro, o Goberno municipal deu conta da situación do expediente e explicou que a Administración local xa procedeu a solicitar a ampliación, ratificación, valoración e notificación ás administracións e empresas correspondentes, seguindo as indicacións recollidas no requirimento de Urbanismo.

Os servizos técnicos municipais e o equipo redactor do Plan, OTEA, traballaron na revisión da documentación e na análise das observacións formuladas pola Xunta de Galicia, co obxectivo de atender os requirimentos e continuar avanzando na tramitación do PXOM.

Durante a reunión tamén se examinou o estado dos informes sectoriais obrigatorios, con especial atención ao correspondente a Costas do Estado. Neste sentido, o Concello destacou a importancia de contar co pronunciamento da Dirección General de la Costa y el Mar, de acordo co establecido no artigo 117 da Lei de Costas, para garantir a seguridade xurídica da ordenación urbanística no ámbito litoral.

O Goberno municipal puxo en valor o traballo dos servizos técnicos e do equipo redactor, así como a importancia da colaboración institucional coa Xunta de Galicia, coa Deputación de Lugo e co resto das administracións implicadas no procedemento.

Desde o Concello de Viveiro reitérase o compromiso co rigor técnico, a axilidade administrativa e a coordinación entre administracións para atender as indicacións do requirimento e acurtar, na medida do posible, os prazos de tramitación.

O Concello continuará traballando para completar as actuacións solicitadas e avanzar nos trámites necesarios para a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Viveiro.