Concello de Viveiro

Concello

O Concello de Viveiro incorpora torneos de tute e xogos de mesa ao programa para persoas maiores

As novas propostas, anunciadas con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, súmanse aos bailes de tarde que regresan este sábado 3 de outubro.

Viveiro, 1 de outubro de 2026. Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra este xoves 1 de outubro, o Concello de Viveiro anuncia novas actividades dirixidas a este colectivo, que se incorporarán nos próximos meses ao programa de bailes de tarde. Entre as novidades figuran un torneo de tute por parellas e a habilitación dun espazo para xogar ao tute, ao parchís e a outros xogos de mesa.

O torneo celebrarase cunha xornada ao mes durante a tempada de bailes, prevista entre outubro e marzo. A duración e o calendario definitivo dependerán do número de parellas inscritas e da participación na convocatoria.

O espazo non estará reservado unicamente ás partidas do torneo. As persoas que se acheguen poderán tamén xogar ao tute de maneira libre ou participar noutras propostas, como o parchís e diferentes xogos de mesa. A participación estará aberta a toda a cidadanía, facilitando así que persoas de diferentes idades poidan compartir este espazo.

Unha vez finalizado o torneo, o Concello valorará a continuidade da iniciativa e a posibilidade de manter o espazo aberto para que as persoas interesadas poidan seguir reuníndose e xogando de maneira libre.

As novas actividades súmanse ao programa Viveiro baila, que regresa este sábado 3 de outubro ás 19:00 horas, no salón de actos do Conservatorio de Viveiro, coa actuación do Dúo Miami.

A programación xa prevista continuará o 31 de outubro, co Dúo Caramelo; o 28 de novembro, co Dúo Mar Dávila; e o 20 de decembro, co Dúo Dilema. As seguintes datas da tempada anunciaranse posteriormente.

Con estas propostas, o Concello amplía as actividades vinculadas ao programa de lecer para persoas maiores, incorporando novas opcións que se suman aos tradicionais bailes de tarde.