Viveiro, 6 de outubro de 2026. O Concello de Viveiro levará ao Pleno ordinario deste mércores, 7 de outubro, unha moción para instar á Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo a incluír nos Orzamentos de 2027 unha partida económica destinada á renovación do céspede artificial do campo de fútbol Marcos Gómez.
A iniciativa foi presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular como grupo de goberno e parte da necesidade de renovar o céspede dunha instalación municipal cunha elevada utilización ao longo de todo o ano, especialmente por parte do fútbol base e de numerosos nenos, nenas e mozos e mozas do municipio.
Segundo recolle a moción, o estado actual do céspede, como consecuencia do paso do tempo e do elevado número de horas de uso, fai necesaria a súa renovación para garantir que o campo poida continuar prestando o seu servizo á actividade deportiva local.
O Concello de Viveiro xa trasladou por escrito esta necesidade á Vicepresidencia da Deputación de Lugo a comezos de 2026, solicitando a colaboración da institución provincial para acometer a actuación. A moción que se someterá agora á consideración do Pleno busca reiterar formalmente esta petición e solicitar que se concrete nunha partida nos próximos orzamentos provinciais.
A proposta tamén solicita ao Departamento de Deportes da Deputación de Lugo que valore e atenda as necesidades das instalacións deportivas municipais de Viveiro, tendo en conta o seu nivel de utilización e o servizo que prestan á veciñanza.
Así mesmo, a moción insta á Deputación a concretar, antes da aprobación definitiva dos Orzamentos de 2027, o compromiso económico e administrativo necesario para facer posible a renovación do céspede do Marcos Gómez.
En caso de ser aprobada polo Pleno, a proposta contempla dar traslado do acordo á Presidencia, á Vicepresidencia e ao Departamento de Deportes da Deputación Provincial de Lugo, solicitando unha resposta expresa á petición formulada polo Concello.