Viveiro, 2 de novembro de 2026. O xurado do oitavo Premio de Novela Vilar Ponte, convocado polo Concello de Viveiro, acordou por unanimidade conceder o galardón á obra «Mario non existe», de Francisco Fernández Dávila, e nomear como finalista a novela «O diario do sangue», de Óscar Martínez Rey.
O tribunal destacou da obra gañadora, «Mario non existe», a súa capacidade «para transportarnos a mundos lonxincuos, tanto no espacial como no cultural, levando a personaxe protagonista dende as terras de Galicia ata as do Nepal nunha viaxe que é, sobre todo, espiritual, e que acabará por transformar radicalmente a súa cosmovisión e identidade».
Ademais, salientou que se trata de «toda unha cartografía do simbólico e conta cunha poderosa narración que nos convida a repensar cuestións transcendentes como o destino, o azar ou a memoria e tamén as relacións familiares, o valor da auténtica amizade, a exploración das sombras e do incógnito ou o poder da palabra e do silencio».
En canto á obra finalista, «O diario do sangue», o xurado salientou «a capacidade para introducirnos nunha historia de cubertas, chea de intrigas que deben resolverse policialmente e que tecen un relato da sociedade actual, chea de claroscuros e móbiles sórdidos que, por veces, nos abisman na violencia estrutural e na marxinación e condenan do que non se somete ás convencións sociais. É unha obra escrita con extrema fluidez e diálogos áxiles e invítanos a un relato trepidante onde nada é o que parece e todo muda nun carrusel de vertixe».
O xurado do Premio Vilar Ponte estivo composto por Carlos Nuevo Cal (cronista oficial de Viveiro, profesor e historiador), Rosalía Morlán Vieites (escritora e enfermeira) e Armando Requeixo Cuba (investigador, profesor e crítico literario). Actuou como secretaria, con voz e sen voto, M. Rosario San Isidro Franco, traballadora do Concello de Viveiro, que levantou acta da sesión.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, felicitou as persoas galardoadas e agradeceu o rigoroso labor do xurado, así como a todos os autores e autoras que participaron nesta oitava edición do certame. Gueimunde destacou ademais a importancia deste recoñecemento que supón «un compromiso coa cultura e a lingua galega ao tempo que converte a Viveiro nun referente literario, destacando a importancia de converter o noso Concello no epicentro da literatura galega contemporánea e atraer talento de autores de todo o país».