Viveiro, 26 de novembro de 2026. O Pleno do Concello de Viveiro aprobou este mércores, en sesión extraordinaria e urxente, os orzamentos municipais para o exercicio 2027, que ascenden a 16.887.196,33 euros, tanto no estado de ingresos como no de gastos.
As contas municipais experimentan un incremento de 1.769.448,87 euros respecto ao orzamento de 2026, o que supón un aumento do 11,70 %.
Servizos públicos e atención social
Os gastos de persoal e de bens correntes e servizos concentran a maior parte do orzamento, con dotacións de 7.490.164,50 euros e 7.066.154,09 euros, respectivamente.
Entre as principais novidades destacan o incremento de 96.058,60 euros no Servizo de Axuda no Fogar, ante a previsión de ampliar as horas de atención; a dotación de 112.813,38 euros para o Servizo de Atención Temperá e o incremento de 77.737,69 euros no gasto da escola infantil municipal.
Investimentos municipais
O capítulo de investimentos reais ascende a 847.918,80 euros. No apartado de ingresos, as contas recollen as anualidades das subvencións concedidas para a reforma da Praza de Abastos (568.068,68 euros) e do Teatro Pastor Díaz (161.881 euros).
Así mesmo, consígnanse 95.065,70 euros para a achega municipal correspondente ás actuacións de redución do risco de inundación no río Fontecova, en colaboración con Augas de Galicia e a Deputación de Lugo.
Situación financeira municipal
O orzamento de 2027 enmárcase nun contexto económico condicionado pola débeda municipal e polo Plan de Axuste, vixente ata 2037.
As contas presentan un equilibrio entre ingresos e gastos, non prevén novos préstamos e destinan 552.436,61 euros á amortización de débeda.
Segundo recolle a memoria explicativa da Alcaldía, o orzamento atende a criterios de contención do gasto, continuidade dos servizos públicos e cumprimento das obrigas financeiras municipais.
Durante a sesión plenaria abordáronse tamén o cadro de persoal municipal para 2027, que mantén o número de efectivos respecto ao exercicio anterior, e a modificación de crédito 46/2026.